Andaina polos castros de Cualedro

A VII edición da Ruta dos Castros baixo o lema unha andaina pola historia, mesturará natureza, historia e deporte, no municipio ourensano de Cualedro o vindeiro domingo, 22 de maio. A presentación deste evento tivo lugar no Pazo Provincial onde participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o deputado provincial de Deportes, Juan Anta; o alcalde de Cualedro, Luciano Rivero; a presidenta da Asociación de Sendeirismo, Amaya Álvarez, e o investigador Eduardo Castro.

A andaina ten unha distancia de 16 quilómetros que cumpre cos requisitos dun paseo familiar, por iso todos os anos hai moita afluencia. O trazado da ruta é de baixa dificultade e case todo o percorrido discorre por camiños de terra. Cualedro ten moita historia non só polos seus castros ou a mámoa, senón que ten lagares rupestres, dos que están catalogados cinco pero que están a aparecer continuamente.