Ampliado o prazo para solicitar axudas da PAC

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica unha resolución do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) polo que se amplía ata o vindeiro día 15 de xuño o prazo de presentación de solicitudes para beneficiarse das axudas da PAC.

Esta resolución publícase consonte a Orde do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente pola que se modifican, para o ano 2016, diversos prazos establecidos para este tipo de pagamentos. En total, en Galicia son máis de 33.000 os beneficiarios das axudas da PAC. 

Esta campaña da PAC 2016-2017 suporá un investimento de fondos europeos no rural galego próximo aos 190 millóns de euros. Estas achegas proceden dos pagamentos directos da PAC (Fondo Europeo de Garantía, FEAGA) e das medidas agroambientais de desenvolvemento rural (axudas a zonas con limitación naturais, agroambiente e clima, agricultura ecolóxica e para o mantemento de plantacións forestais en terras non agrícolas).