Conde sinalou que esta iniciativa, que se celebra ata finais de mes en 17 países de Europa, América e Asia, ten por obxectivo visualizar e promocionar as prazas como pezas clave do comercio de proximidade, e poñer en valor a diversidade e a profesionalidade dos mercados galegos.
O responsable de Economía, Emprego e Industria destacou que os mercados son imprescindibles tanto como motor do comercio de proximidade como na vida e no patrimonio das vilas e cidades galegas. Por iso, Conde, que asistiu ao showcooking do cociñeiro do Grupo Nove Iñaki Bretal, do restaurante Eirado da Leña, destacou que a Xunta está a traballar para potencialas preparando un novo Plan de Mercados Excelentes.
Este incluirá medidas centradas en eidos como a mellora da imaxe e a atención ao cliente, os servizos e os equipamentos, en cooperación cos concellos. Ademais, a Consellería de Economía, Emprego e Industria colabora coas asociacións e federacións de praceiros, con apoios por preto de 300.000 euros a un total de 31 entidades.
No marco de Quere o teu mercado desenvolveranse en Galicia distintas propostas que culminarán o vindeiro sábado 28 de maio co Día do Mercado. Entre as distintas actividades que se celebrarán nos próximos días inclúense degustacións gastronómicas, actuacións musicais e teatrais, charlas informativas e iniciativas nas redes sociais, ou sorteo de agasallos, entre outros.