A Xunta empurra a creación da Rede de Parques Naturais de Galicia

A Xunta de Galicia vén de dar o primeiro paso para a creación da  Rede de Parques Naturais de Galicia, que permitirá facer unha xestión compartida e coordinada destes estes espazos, xunto co Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, promovendo o intercambio de proxectos comúns, co fin de potenciar estes espazos como axentes de desenvolvemento económico e convertelos nun activo do turismo sostible.

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, presentou a Rede de Parques Naturais de Galicia, tras reunirse cos presidentes das xuntas consultivas destes espazos protexidos. Na súa exposición, explicou que se trata dunha iniciativa que favorecerá a conservación, difusión e posta en valor dos seis parques naturais, ademais do das Illas Atlánticas, que “son os mellores embaixadores” da enorme riqueza e diversidade natural de Galicia.


Estes espazos, xunto cos oito monumentos naturais, cinco humidais protexidos, as paisaxes protexidas e as zonas de especial protección dos valores naturais, suman 57.000 hectáreas, compoñen 96 espazos diferentes e ocupan un 12% do territorio galego.