A Veiga Grand Prix Race Edition

O municipio da Veiga acollerá a proba deportiva e de habilidade “Grand Prix Race Edition” 2016. Co-organizada pola Deputación de Ourense e Qualité Sports Events, disputarase os vindeiros 24 e 25 de xuño coa participación de equipos de diferentes localidades de España. A presentación tivo lugar esta mañá no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o deputado provincial de Deporte e o alcalde da Veiga, Juan Anta, e o coordinador do Grand Prix, Serafín Martínez.

Manuel Baltar dixo que A Veiga “fai do turismo e do deporte eixes fundamentais de desenvolvemento”, remarcando a importancia de ser “un territorio recoñecido como destino Starlight que o converte nun dos mellores lugares do mundo para ver as estrelas”. “O apoio da Deputación de Ourense a esta nova iniciativa é un exemplo máis da aposta irrenunciable do goberno provincial pola práctica deportiva, que con esta proba vai máis aló do deporte, pois estamos a falar tamén de promoción do territorio e de actividade económica”, explicou Baltar.