A Ourense ICC Week pechou propoñendo un modelo de "Smart Province"

Na xornada de peche das conferencias da "Ourense ICC Week" o redactor xefe da revista Wired UK, David Rowan, propuxo un modelo de "Smart Province" con servizos interconectados que permitan crear unha rede provincial de infraestruturas tecnolóxicas. 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, expuxo o seu proxecto de "Provincia Intelixente", baseado na creación dunha plataforma común de software e unha zona de servizos conectados "que ofrezan aos cidadáns información común e en tempo real de todos os ámbitos: medio ambiente, infraestruturas, economía, emprendemento, benestar, cultura, deporte e información institucional, de cooperación cos concellos, recursos humanos e proxección exterior. Todo un concepto de interconexión territorial que conformará o que denominamos "Smart Ourense".

No acto celebrado no Teatro Principal de Ourense, Manuel Baltar ofreceu o seu relatorio e posteriormente deu paso a David Rowan e a Alberto Valero, director do proxecto educativo Bq. O presidente provincial dixo que a estratexia de posicionamento internacional da "marca Ourense", a promoción das singularidades da provincia, e un modelo de xestión pública baseado en iniciativas innovadoras e participativas, que facilitan a relación administración-cidadán, "son a base do proxecto "Smart Province", que terá as súas liñas de acción na cooperación público-privada e na transparencia".

Precisamente, o pisicionamento da "marca Ourense", coa misión empresarial USA-Ourense; a presencia na Rede Partenalia de gobernos locais intermedios de Europa; formar parte da Xunta de Goberno da FEMP, e o feito de situar á provincia de Ourense como un referente de innovación na xestión -xunto a territorios como Bos Aires e Toronto, como se puxo de manifesto no encontro internacional de Curitiba (Brasil)-, "fan que a iniciativa de "Provincia Intelixente" teña concitado interese no ámbito da innovación na xestión da administración pública, e sitúanos como un territorio favorable e permeable para levar a cabo proxectos de vangarda na innovación, como acontece en lugares que son referencia neste ámbito como Israel, Irlanda ou os Landers alemás", explica Baltar.

O concepto de "Smart Ourense" resúmese, segundo Manuel Baltar, nunha frase: "Conexión total de todo e para todos". "Nestes momentos só estamos a utilizar unha pequena parte das inmensas posibilidades que nos ofrecen as tecnoloxías da comunicación, e os pasos que daremos nun futuro, que xa é presente, van encamiñados a dispoñer de moita máis información do noso entorno máis próximo. Por exemplo, a xestión do tráfico, dos aparcadoiros ou do transporte público, as emerxencias, a xestión dos residuos, os servizos culturais e deportivos, os trámites administrativos..., todo o que conforma a vida cotiá dos cidadáns estará a nosa disposición nun "clic", e iso situaranos como provincia de vangarda por procurar ás veciñas e veciños máis información, inmediatez, comodidade e eficacia nas xestións", explica Manuel Baltar.