
O convenio, que estende a súa vixencia ata 2017, actuará no ámbito territorial da Mancomunidade do Salnés, conformada polos concellos de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa, Cambados, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo e O Grove. Nava Castro fixo fincapé no carácter estratéxico desta iniciativa para continuar consolidando este xeodestino como un destino turístico de referencia e lograr un importante impacto positivo nas economías locais.
Por outra banda, o Museo da Cultura de Milán acolle desde hoxe e ata o vindeiro 29 de maio unha mostra de 50 fotografías sobre o Camiño de Santiago organizada por Turismo de Galicia en colaboración coa Oficina de Turismo de España en Milán ao obxecto de promover a Ruta Xacobea no norte de Italia.
As imaxes foron tomadas por Tommaso Pini, un peregrino italiano que foi fotografando distintos aspectos do Camiño na súa andaina ata Compostela. Así, a mostra consta de 70 fotografías, das que 50 son retratos e 20 paisaxes.