A internacionalización como obxectivo

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, anima ás adegas galegas a apostar pola exportación do seus produtos para manter ou incluso aumentar os seus resultados económicos. Foi na clausura das xornadas organizadas pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) en Arbo sobre “A internacionalización das adegas. Instrumentos para a venda do viño galego no mercado exterior”.

“As adegas galegas hoxe en día enfróntanse a novos retos como o de facer fronte a un mercado máis competitivo e globalizado”, declarou Ángeles Vázquez, e engadiu que estes retos poden converterse nunha oportunidade a través do comercio no exterior, pero “para iso é preciso crear as infraestruturas de venda máis axeitadas”, incidiu a conselleira.

A responsable de Medio Rural explicou que os negocios internacionais obrigan a desenvolver actividades diferentes ás feitas a escala nacional. “É por iso que se require ter en conta variables como a cultura, as relacións entre países, os tratados comerciais e as restricións que pode aplicar o país comprador”, declarou, e foron esas temáticas as que se abordaron na sesión da man de expertos no sector. 

Neste sentido, a conselleira destacou que o vitivinícola é o sector agroindustrial galego máis exportador e para impulsar este proceso a Xunta achegou 5,4 millóns de euros entre 2012 e 2015 para apoiar a súa promoción.

“Estamos a falar dun sector que, na campaña 2014/2015, incrementou as súas exportacións un 104,6% respecto á campaña 2008/2009, o que significa que exporta o 17,5% da produción total”, declarou Ángeles Vázquez. Polo tanto, o incremento as exportacións aumentaron nese período un 34,4%”.