A Guardia Pretoriana o Arde Lucvs peregrina a Compostela

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua de Lugo, Carmen Basadre, acompañada de representantes da Guardia Pretoriana, presentou a peregrinación polo Camiño Primitivo que realiza esta asociación de recreación histórica entre os días 13 e 17 de maio, unha actividade enmarcada dentro da programación do Lvcvs Cvltvral, organizada polo Concello. 

Durante a presentación, a Concelleira fixo fincapé nesta peregrinación como unha oportunidade para promover tanto a cidade de Lugo como o Arde Lvcvs, así como para darlle valor ao Camiño de Santiago, Patrimonio da Humanidade. Neste senso, a edil quixo lembrar que nos pasados días o Senado xa realizara un treito da vía XXI, que enlaza co Camiño de Santiago. 

Pola súa banda, os membros da Guardia Pretoriana convidaron a todos os lucenses e visitantes a participar con eles nesta andaina. Para elo, os interesados poden inscribirse ata o día 11 de maio no Servizo de Atención Cidadá 010, no teléfono 982-29-73-50 para fóra de Lugo, e contactando coa propia Guardia. Recoméndase acudir con vestimenta romana. 

A Guardia Pretoriana formará filas para saír cara a Santiago o venres 13, ás 15:30 horas, dende a Porta de San Pedro. Realizán o Camiño en 5 etapas, chegando a Santiago o día 17, ás 12:00 horas.