A EVEGA organiza unha xornada de internalización dos viños en Arbo

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), dependente da Consellería do Medio Rural, organiza este mércores unha xornada técnica enfocada a ensinar a fórmula para favorecer a exportación dos viños galegos. Baixo o título: “A internacionalización das adegas. Instrumentos para a venda do viño galego no mercado exterior”, a Evega, xunto co Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, o concello de Arbo e o Instituto Galego da Calidade (Ingacal), explicará aos asistentes as ferramentas máis axeitadas para vender no exterior. 

As charlas, que serán no salón de actos do edificio multiuso de Arbo (Pontevedra), van destinadas a viticultores, adegueiros, enólogos persoal técnico das adegas e dos consellos reguladores, persoal investigador interesado no tema e estudantes, así como público interesado en xeral. 

O director xeral da Fundación Observatorio Español do Mercado do Viño (OEMV), Rafael del Rey Salgado, será un dos conferenciantes e falará da necesidade de internacionalización das adegas e da situación do viño no mercado exterior. Por outra banda, un representante do IGAPE expoñerá as axudas para a internacionalización das adegas, e Alfonso Janeiro Díez, xefe do departamento de viño de ICEX España Exportación e Inversiones, abordará os mercados dos viños galegos e os problemas que se atopan as adegas ao saír ao mercado exterior. Pola súa banda, a consultora externa de empresas, Inmaculada Rodríguez Cuervo, tamén participará na xornada debullando o papel do consultor freelance na internacionalización das adegas. 

Para rematar, varias empresas do sector expoñerán as súas experiencias na exportación de viños como as adegas de Guímaro (Ribeira Sacra), As Laxas (Rías Baixas) e Grupo Bodegas e Bebidas (Ourense), así como o presidente da Comissão de Viticultura da Região dos Vinhos Verdes (Portugal), Manuel A. Dias Pinheiro.