A Costa da Morte na Bienal de Venecia

A área de Turismo da Deputación da Coruña promocionará a Costa da Morte na 15ª Exposición Internacional de Arquitectura da Bienal de Venecia cos proxectos dos estudos de arquitectura Creus&Carrasco e Elsa Urquijo.

O Faro Vilán (Camariñas) foi o escenario escollido pola área de Turismo da Deputación da Coruña para a presentación da participación na 15ª Exposición Internacional de Arquitectura da Bienal de Venecia cos proxectos dos estudos de arquitectura Creus&Carrasco e Elsa Urquijo con proxectos inseridos na Costa da Morte.

O deputado de Turismo, Xosé Regueira xunto cos arquitectos Juan Creus, do estudo Creus&Carrasco e María Veiga e Ignacio Sánchez, do estudo Elsa Urquijo foron os encargados de presentar os proxectos cos que a Deputación da Coruña asiste por vez primeira á 15ª Exposición Internacional de Arquitectura da Bienal de Venecia co fin de promocionar a Costa da Morte.

O estudos Creus&Carrasco e Elsa Urquijo de arquitectura foron convidados a participar na exposición organizada pola GAA-Foundation, no contexto da Bienal de Arquitectura de Venecia 2016, na exposición denominada "Time-Space-Existence", instalada no Palazzo Mora e Palazzo Bembo, situados no centro de Venecia, a carón da ponte Rialto.

A GAA Foundation é unha fundación sen ánimo de lucro fundada en 2002 polo artista alemán René Rietmeyer que, ao través da reflexión dos conceptos de tempo, espazo e existencia, leva dende 2012 xestionando estes recintos e contidos no contexto da Bienal de Venecia. Dende 2014 conta co apoio da Fundación Mies Van der Rohe que, entre outros, promove o Premio Europeo de Arquitectura Contemporánea ao que, na súa última edición, foi nomeada Casa Chao, en Corcubión, obra de Creus&Carrasco.

Ademais dos visitantes que acudan á Bienal de Venecia, a repercusión incrementarase pola edición dun catálogo sobre o traballo de 370 páxinas con 10.000 unidades publicadas e a emisión de 35.000 convites para os eventos que terán lugar dende a inauguración en Maio ata o seu peche en Novembro de 2016. Todo isto, sumado a unha afluencia de visitantes que se estima en torno aos 150.000, converte á Bienal de Venecia 2016 nunha extraordinaria oportunidade para a promoción turística do xeodestino da Costa da Morte.