A APP do Camiño de Santiago xa está dispoñible

A aplicación móbil do Camiño de Santiago de Turismo de Galicia xa está dispoñible para descargar en dispositivos Android. A aplicación, que nace no marco do proxecto Smart Camiño, ten como obxectivo acompañar aos peregrinos na súa viaxe a Compostela e ser a súa guía. 

A través da mesma, os peregrinos poden obter información sobre todas as rutas oficiais do Camiño de Santiago desde a súa entrada en Galicia: Camiño Francés, Ruta Fisterra-Muxía, Vía da Prata, Camiño Portugués, Camiño Inglés,Camiño Primitivo, Camiño do Norte, Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, e Camiño de Inverno.

Os peregrinos dispoñen, así, en tempo real, de toda a información que necesiten en cada momento sobre os trazados oficiais das rutas xacobeas, a Rede Pública de Albergues coas súas características, horarios, localización, teléfono e fotografías; información sobre os eventos culturais -festas, concertos, talleres, etc- así como información detallada de todos os recursos turísticos -descrición, localización e imaxes-.

Así mesmo, os peregrinos poderán consultar nela onde comer, onde aloxarse e que visitar en cada un dos tramos do Camiño coñecendo a ampla oferta dos establecementos turísticos cos que conta. Ademais, a aplicación permitiralles coñecer información meteorolóxica –ofrecida por Meteogalicia- así como datos de contacto e dirección dos centros de saúde e emerxencias.

Por outra parte, a plataforma dixital conta cun servizo de realidade aumentada que permite, a través da cámara do móbil, visualizar todos os puntos de interese situados nas proximidades.

No apartado ‘Meu diario’, os peregrinos poden gardar os momentos máis importantes do Camiño, a través de notas de texto e fotografías, para posteriormente, a través da funcionalidade do portal ‘A miña experiencia’ crear o seu propio libro dixital.

A aplicación está dispoñible nos idiomas galego, español e inglés e a maior parte das súas funcións poden ser empregadas sen necesidade de cobertura no móbil.