Xornada sobre os viños doces na EVEGA

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), dependente da Consellería do Medio Rural, organizou para este xoves, día 28, a xornada técnica Os viños doces. Innovación en procesos e tecnoloxías. Esta iniciativa, feita en colaboración co Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, a Asociación Galega de Enólogos e o Instituto Galego da Calidade (Ingacal), enmárcase nas actividades previas á 53º Feira do Viño do Ribeiro, que ten lugar na localidade ourensá de Ribadavia. 

O principal obxectivo desta xornada é o de afondar no coñecemento dos viños doces así como as novidades e tendencias en procesos e tecnoloxías de elaboración. Os viños galegos deste tipo terán un protagonismo especial a través do relatorio de Manuel Castro González, enólogo da Cooperativa Viña Costeira, quen poñerá en valor o Tostado do Ribeiro coma exemplo de viño naturalmente doce. Hai que lembrar que tanto a Denominación de orixe Ribeiro como a de Valdeorras amparan este tipo de produtos nos seus regulamentos respectivos, e que nos últimos anos fixéronse esforzos importantes pola súa recuperación, sendo hoxe en día produtos cun alto valor engadido pola súa calidade.

Tamén terán cabida nas xornadas os licorosos de Portugal nun relatorio do doutor Francisco Manuel Morais Sarmiento, da Universidade Católica Portuguesa, quen falará dos viños de Porto e Madeira, cuxa historia remóntase aos tempos da colonización romana.

En último lugar a doutora María Belén Puertas García presentará os viños xenerosos andaluces de Pedro Ximénez e Moscatel. A xornada rematará cunha degustación de produtos representativos do amplo abano de alternativas que existen no mercado na actualidade.