Xa se albisca a IXP Ribeiras do Morrazo

O Diario Oficial de Galicia ven de publicar a solicitude de rexistro da Indicación Xeográfica Protexida Ribeiras do Morrazo, que amparará os viños producidos nesta zona do litoral pontevedrés. Con esta publicación dáse publicidade ao prego de condicións desta nova IXP, o que supón un paso máis de cara a súa inscrición no rexistro europeo. Unha vez que se publique tamén no BOE, abrirase un prazo de dous meses para presentar calquera oposición a este rexistro. 

Esta indicación xeográfica iniciouse a petición dun grupo de viticultores e elaboradores da zona do Morrazo e concellos próximos que querían distinguir os seus viños no mercado cun indicativo de calidade. Unha vez comprobado que cumpren cos requisitos legais, elaborouse o prego, que establece que esta IXP será aplicable a viños brancos e tintos elaborados exclusivamente con uvas de determinadas variedades cultivadas nos termos municipais de Bueu, Cangas, Marín, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela e Vilaboa.

A posta en marcha desta distinción conta co apoio das corporacións locais de todos os concellos aos que atinxe a mesma, xa que facilitará a comercialización das producións da zona. A potenciación das nosas producións agroalimentarias, e nomeadamente as acollidas aos diferentes indicativos de calidade, axuda a crear unha imaxe positiva de Galicia que repercute de xeito favorable en toda a economía da comunidade autónoma. 

Unha vez superado o período de alegacións, o expediente será remitido ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para o seu envío á Comisión Europea. Alí será analizado e sometido a outro proceso de oposición, este xa a escala da UE, con publicación no DOUE. Superado este proceso produciríase a inscrición formal no rexistro, pero previamente, unha vez pase polo trámite a nivel español, pódese activar a denominada Protección Nacional Transitoria, que permitiría que a indicación xeográfica se puidese usar a nivel nacional mentres continúa o proceso a nivel europeo.