Os produtos do mar e agroalimentarios galegos brillan na Fira de Barcelona

Foto de familia do premio a SAT Don Crisanto
A transformación e posta en valor dos produtos agroalimentarios ten recompensa. Así o destacou a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, no acto de presentación do queixo da SAT Don Crisanto, que foi galardoado como ‘mellor queixo madurado de vaca no 2015’ no marco do Salón Alimentaria que se celebra en Barcelona.

A Xunta destina neste exercicio un total de 14,3 millóns de euros para axudas á transformación e comercialización de produtos agrario. Trátase de incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios. As actuacións subvencionables son, por exemplo, a construción, adquisición e mellora de bens inmobles –agás a compra de terreos–, así como a compra de maquinaria e equipamentos novos, incluídos os programas informáticos e os soportes lóxicos.

A conselleira e a directora xeral están a apoiar coa súa presenza en Alimentaria a promoción dos produtos agroalimentarios galegos neste certame. En total, son preto de 70 as empresas do agro galego que participan nesta feira, de sectores como a produción de leite, queixos, carne de vacún, coello, ovos, castaña, pataca, croquetas, pan, empanadas ou sobremesas. A participación das consellerías do Medio Rural e do Mar nesta feira supón unha achega de máis de 547.000 euros.

Por outra banda, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou o carácter innovador de Alimentaria e definiu esta feira como un escaparate que brinda unha grande oportunidade de engadir valor aos produtos do noso mar e para difundir a excelencia e calidade do peixe e do marisco de Galicia a nivel internacional. O departamento que dirixe Rosa Quintana está preste na área Expoconser, situada dentro do novo salón denominado Multiple Foods, cun posto institucional de 440 m² de zona expositiva e dividido en dúas illas. Este posto alberga a 26 empresas e entidades galegas coexpositoras do sector pertencentes ás áreas da pesca, conxelado e conserva.