O Clúster elaborará o novo Plan Estratéxico de Turismo de Galicia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente do Clúster Empresarial de Turismo de Galicia, Francisco González, asinaron un convenio de colaboración polo que a Xunta achega 150.000 euros para a elaboración do Plan Estratéxico de Turismo de Galicia 2017- 2020. 

O novo Plan daralle o relevo ao actualmente en vigor, que marcou as directrices do desenvolvemento turístico da nosa Comunidade entre os anos 2014 e 2016. En palabras da directora, a nova folla de ruta “marcará a estratexia para continuar co posicionamento de Galicia como potencia turística internacional e ao turismo como sector clave na economía galega”. Actualmente, o turismo xa supón o 11% do PIB e o 12% do emprego na Comunidade galega.

A responsable de Turismo da Xunta destacou que se trata dun convenio pioneiro xa que é a primeira vez que unha Comunidade Autónoma lle encomenda ao sector a elaboración do seu Plan Estratéxico. “Este convenio constitúe, así, un paso máis na sólida colaboración público-privada que ven desenvolvendo o turismo galego nos últimos anos”, afirmou.

Por outra parte, Nava Castro explicou que se están superando os obxectivos marcados e que se prevé que esta continúe sendo a tendencia no presente ano 2016, no que a nosa Comunidade agarda superar os 5 millóns de visitantes —fronte aos 4,5 millóns do ano pasado—, sendo 1,25 millóns deles de carácter internacional e acadar un gasto do turismo internacional por valor de 1.050 millóns de euros.