Galicia amosa o seu potencial turístico en Cataluña

Turismo de Galicia promove estes días a oferta turística galega en Cataluña. Esta comunidade, con preto de 200.000 viaxeiros aloxados e 380.306 pernoitas nos nosos hoteis, situouse como un dos mercados emisores máis importantes para Galicia durante 2015.

Polo que respecta a 2016, a demanda turística catalá tamén se está a comportar como unha das máis activas para Galicia. Nos dous primeiros meses do ano aloxáronse nos hoteis galegos 15.336 cataláns, un 25,3% máis que no mesmo período de 2015.


Para incentivar aínda máis este fluxo de viaxeiros de Cataluña, Turismo de Galicia participa cun recinto de promoción propio na II edición do Salón B Travel, herdeiro do Salón Internacional de Turismo de Cataluña (SITC) que se celebrou durante 23 anos no recinto da Fira de Barcelona.