Feira do Viño do Ribeiro con moito humor

A Feira do Viño do Ribeiro, que este ano alcanza a súa 53ª edición, terá lugar os vindeiros días 29 e 30 de abril e 1 de maio de 2016, no recinto da Alameda, en Ribadavia (Ourense), arrancará este venres cunha das actividades máis destacadas da presente edición.

O vindeiro venres día 29 de abril, ás 23.30 h, no Auditorio do Castelo, RibeiroRisas, unha gala de humor e viño, será o acto estrela da xornada inaugural. Nesta actividade contaráse con tres monologuistas e unha presentadora, entre os que destacan caras tan coñecidas como Fede Pérez (das series “Era visto” ou “Padre Casares”, da TVG), Isabel Risco (“Land Rober”, “Air Galicia”, etc.) ou Tonhito de Poi (dos Heredeiros da Crus). A gala estará presentada pola actriz Iria Sobrado (“Pazo de Familia”, “Land Rober” ou “Tourilandia”).

O público interesado en asistir a este evento poderá obter a súa entrada, en dúas modalidades: a prezo xeral de 10€ e a un prezo especial (Bonus FVR) de 5€, presentando a copa ou o ticket de puntos (consumido ou sen consumir) que previamente poderá conseguir no recinto feiral.