Canóns de neve para Manzaneda

Pleno ordinario de abril
O pleno da Deputación de Ourense acordou destinar un total de 1,5 millóns de euros para a compra de canóns de neve artificial para a Estación de montaña de Cabeza de Manzaneda, unha medida contemplada pola institución provincial que forma parte do impulso e a aposta por vertebrar o territorio nunha zona que precisa de especial apoio para o seu desenvolvemento como é a contorna de Manzaneda, Trives e Chandrexa de Queixa.

O pleno aprobou tamén a adhesión da Deputación de Ourense á Asociación Europea de Cidades con Patrimonio Termal, órgano europeo que aglutina a rexións e cidades con patrimonio termal, unidas na defensa e posta en valor destes recursos ante a Unión Europea e o resto do mundo, e que constitúe unha asociación sen ánimo de lucro que ten como obxectivo a constitución dunha rede de vilas e rexións de recoñecida tradición termal que permita impulsar e salvagardar o termalismo con políticas de promoción e realce creativas e innovadoras.