Alimentaria terá unha nutrida representación galega

Galicia terá este ano unha presenza destacada na feira Alimentaria, que se celebra esta vindeira semana ata o xoves en Barcelona. As consellerías do Medio Rural e do Mar, en colaboración con diferentes empresas e consellos reguladores, farán promoción dos produtos do agro e do mar da nosa Comunidade neste certame.

No eido agroalimentario, a Xunta participa en Alimentaria 2016 directamente con tres postos noutros tantos pavillóns sectoriais: Intercarn (carne), Interlact (lácteo) e Múltiple Foods (multiproduto). Ademais, tamén apoia a presenza dos viños e augardentes galegos no salón Intervin, colaborando cos seus respectivos consellos reguladores. 

En total, serán preto de 70 as empresas do agro galego que participarán en Alimentaria 2016, de sectores tan diversos como a produción de leite, queixos, carne de vacún, coello, ovos, castaña, pataca, croquetas, pan, empanadas ou sobremesas.

A presenza destas empresas compleméntase coa promoción das diferentes indicacións xeográficas e denominacións de orixe galegas e coa organización de multitude de degustacións e catas de produto ao longo de toda a feira.

Ademais a Consellería do Mar participará neste evento cun posto institucional de 440 m² de zona expositiva e dividido en dúas illas na área Expoconser, situada dentro do salón denominado Multiple Foods, unha área nova que incorpora esta edición de Alimentaria. 

Este posto dará cabida ás 26 empresas e entidades galegas coexpositoras do sector pertencentes ás áreas da pesca, conxelado e conserva. O posto da Consellería tamén conta cunha área destinada a centro de negocios, na que as empresas poden manter encontros para ampliar o seu mercado.