Xornadas sobre Comercio Local e Consumo Responsable no mercado de San Agustín

Con motivo do Día Internacional dos Dereitos de quen Consume, que se celebra o 15 de marzo, a Concellería de Emprego e economía social da Coruña organiza unha serie de actividades dirixidas a “recordar a importancia de practicar un consumo consciente e responsable”, tal e como salientou este martes o responsable municipal desta área, Alberto Lema . 
"Queremos apostar por formas de consumir conscientes e responsables que dinamicen unha economía social a favor do tecido produtor, o emprego que xera e a calidade de vida de quen consumimos”, sinalou o concelleiro en relación ás actividades, que comezan mañá mércores no mercado municipal de San Agustín. 

Alí terán lugar, ata o propio día 15, as Xornadas sobre Comercio Local e Consumo Responsable, nas que hai programadas tres sesións, con charlas e debates, que se celebrarán ás 20.00 horas. A primeira delas, mañá, a cargo de Isidro Jiménez, de ComsumeHastaMorir-Ecoloxistas en Acción, titúlase “A sociedade de consumo, consómenos?”; a segunda, o luns, día 14, consistirá nun debate aberto para persoas produtoras, consumidoras e comerciantes arredor do modelo de consumo para a cidade, que estará dinamizado por Toni Lodeiro (da asociación Opcions), Marcial Blanco (Zocamiñoca) e Óscar Senra (MaOs Innovación Social), e a terceira, o martes 15, incluirá unha charla sobre consumo consciente, na que intervirá, de novo, Toni Lodeiro, en calidade de autor do libro Consumir menos, vivir mejor.

Ese mesmo día, entre as 11.00 e as 20.00 horas, as instalacións de San Agustín acollerán o Mercado da Nova Cultura do Consumo, con produtos ecolóxicos, locais e de compercio xusto, ademais de roupa de sengunda man e repostería artesanal.