Buscar/Hemeroteca

miércoles, 23 de marzo de 2016

Volve a "Can Parade" do Festival de Cans

O Festival de Cans volve abrir convocatoria para a que é xa a súa cita anual coa arte e os creadores e creadoras máis novos: a Can Parade. A través desta iniciativa convida a artistas, deseñadores, creadores ou colectivos de calquera disciplina e de calquera punto de Galicia a decorar libremente a silueta do seu emblema oficial, o Can de Cans, sen ningún tipo de restricións técnicas nin materiais.

As persoas interesadas en formar parte da mostra deben remitir un correo electrónico a canparade@festivaldecans.com antes do 22 de abril, no que manifesten o seu desexo de participar e inclúan os seus datos persoais, a súa formación e un portfolio, imaxe, documento ou enlace web no que se poidan ver algúns dos seus traballos (web persoal, perfís ou páxinas en redes sociais: facebook, twitter, instagram, tumblr...) para poder ser avaliados á hora de realizar a escolla.

Unha comisión de persoas da organización do Festival, coordinada por Alberto Alcalde, escollerá aos 10 creadores finalistas. Nesta edición, con motivo do Ano Castelao promovido pola Deputación de Pontevedra, o festival valorará tamén á hora de realizar a selección das creacións presentadas, motivos relacionados coa obra gráfica e plástica deste autor.

No hay comentarios: