Turismo de Galicia subvenciona ao Clúster con millón e medio de euros

O Consello da Xunta aprobou o acordo polo que se autoriza a subscrición doconvenio de colaboración entre Turismo de Galicia e o Clúster de Turismo de Galicia para a promoción e comercialización de Galicia como destino turístico. Para a execución das actuacións obxecto do convenio, Turismo de Galicia achegará 1.500.000€ en tres anualidades (2016, 2017 e 2018).

O obxecto do acordo é o outorgamento dunha subvención directa para sufragar os gastos derivados das actividades dirixidas á promoción e o fomento da comercialización de Galicia como destino turístico e, en especial, dos seus produtos cabeceira de marca, mediante a colaboración co Clúster de Turismo de Galicia na implantación de actuacións concretas.

Neste senso, o convenio inclúe diversas iniciativas como campañas de publicidade e plans de promoción exterior, proxectos de márketing en liña, actuacións de mellora da comercialización dos produtos turísticos de Galicia, publicacións e material promocional de apoio específico á promoción e difusión dos recursos turísticos, organización e participación en feiras, congresos, exposicións, xornadas técnicas, encontros e seminarios de carácter turístico así como outras actuacións vinculadas á mellora do posicionamento da marca Galicia como destino turístico, a súa promoción, a conformación de productos ou a mellora da comercialización.