Buscar/Hemeroteca

martes, 22 de marzo de 2016

Turismo de Galicia participa no Salón Réunir International Trade Show 2016

O Carrousel du Louvre de París será a sede do Salón Réunir International Trade Show 2016 no que Turismo de Galicia presentará a oferta turística galega relacionada co mercado dos congresos e as reunións corporativas entre os días 22 e 23 de marzo.

Este será o terceiro evento especializado na promoción do turismo de negocios no que participa Turismo de Galicia este ano, logo de promover este segmento turístico nos certames ConfecRed 2016, que reuniu o pasado mes de febreiro en Abu Dhabi aos principais axentes británicos especializados na compra de viaxes relacionados co turismo de negocios, e o Meeting & Incentive Summit, que se desenvolveu o pasado día 8 en Madrid.

Así, en París, Turismo de Galicia contará cun espazo para manter xuntanzas cos principais operadores turísticos europeos especializados en turismo de negocios e ao mesmo tempo informar aos profesionais sobre as posibilidades da oferta turística galega neste ámbito.

Polo que respecta á promoción desta modalidade turística en Galicia, o departamento de Turismo da Xunta, ten previsto participar nos 11 eventos máis destacados que se celebrarán en Europa en 2016 e que están relacionados cos principais mercados internacionais.

No hay comentarios: