Turismo de Galicia e a campaña da Semana Santa

Dentro da campaña publicitaria xeral para a promoción dos recursos naturais e culturais do turismo de Galicia ao longo do ano 2016, a Xunta ven de desenvolver a correspondente á Semana Santa, unha acción de difusión que achegou os valores turísticos galegos a unha audiencia de 30 millóns de cidadáns españois.

Deste xeito, nos días previos á celebración deste período vacacional, xusto cando boa parte dos viaxeiros decidían o seu destino, o departamento de Turismo da Xunta programou esta acción publicitaria nos medios de comunicación nacionais, con reforzo nas comunidades limítrofes e o propio territorio galego.

En canto ás mensaxes, para promover o destino Galicia en Semana Santa, Turismo de Galicia centrou as mensaxes publicitarias na gastronomía –segunda motivación dos viaxeiros para achegarse ata Galicia- e as festas de interese turístico máis destacadas desta época.

Ademais, parte das creatividades da campaña incluíron mencións ao patrimonio cultural e natural da Comunidade galega, con referencias a actividades que se poden desenvolver en contacto coa natureza no territorio galego.