Terry Porter, un peregrino da NBA

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na presentación do documental resultado do proxecto solidario “El Camino acaba en Obradoiro” que trouxo a Galicia ao ex xogador da NBA, Terry Porter, para realizar a Ruta Xacobea cun fin solidario.

A través desta iniciativa, promovida co obxectivo de promocionar o Camiño de Santiago a nivel internacional, a estrela mundial de baloncesto converteuse nun peregrino máis para percorrer as seis etapas do traxecto que une Sarria con Santiago de Compostela, completando o último tramo do Camiño Francés.

Durante o acto de presentación, que tivo lugar na Cidade da Cultura, a directora de Turismo de Galicia explicou que o documental mostra, a través da experiencia vivida polo ex-xogador de baloncesto, o patrimonio tanto natural como cultural de Galicia así como os seus costumes e tradicións e por suposto, a súa tan venerada gastronomía e o carácter acolledor da nosa comunidade.

Neste senso, Nava Castro sinalou que o filme dará a coñecer tanto o Camiño de Santiago e os seus valores como a nosa comunidade como destino nun país estratéxico para a Ruta Xacobea, os Estados Unidos.

Segundo afirmou a responsable de Turismo da Xunta trátase do terceiro país estranxeiro de onde máis peregrinos realizan o Camiño de Santiago ao recoller a súa Compostela no pasado ano un total de 13.670 peregrinos estadounidenses.

A directora de Turismo de Galicia asegurou que o documental de Terry Porter será un gran reclamo e converterase nun importante elemento captador de turismo internacional como o foi no seu día a película The Way ou o best seller de Paulo Coelho El Peregrino.