Quesos Feijoo xa forma parte do portafolio de Galicia Calidade

Galicia Calidade entregou o certificado de garantía á empresa Quesos Feijoo. A compañía pode a partir de agora incluír este recoñecemento na súa etiquetaxe para o queixo certificado pola Denominación de Orixe Protexida (D.O.P.) Queixo de Tetilla. 

Quesos Feijoo, durante máis de sete décadas e tras catro xeracións, segue a elaborar queixos de forma tradicional. Creada en 1949, mantén os valores da súa fundadora, Talita Hierro García, que empezou a fabricar o queixo do país coas premisas da calidade, artesanía e tradición. Actualmente, a empresa está consolidada en España e busca afianzarse en países como México, Portugal ou Italia.

Na década dos anos oitenta e noventa, a empresa abordou un plan de expansión e diversificación, ao elaborar os primeiros queixos de pasta dura ou barra e os semicurados de mestura de leite de vaca e nata de ovella. En 2015 lanzou dous novos produtos: o requeixo e o semicurado de vaca e leite de cabra. O queixo de teto, amparado pola D.O.P Queixo de Tetilla, tamén conta co selo de Galicia Calidade.

Coa incorporación desta nova compañía, Galicia Calidade conta na actualidade con queixos de tres denominacións de orixe protexida: Queixo Tetilla, Arzúa Ulloa e San Simón da Costa. O certificado de uso, con validez para os próximos tres anos, permitirá a Quesos Feijoo incluír o distintivo nas etiquetaxes así como nas diferentes accións de promoción que leve a cabo.