Presentación de La Vuelta en Ourense

O Teatro Principal da Deputación de Ourense acolle o vindeiro xoves, 31 de marzo, ás 20.00 horas, a presentación da 71ª edición da “Vuelta a España”, unha proba ciclista que este ano ten como protagonista á provincia de Ourense, na cal se disputarán catro etapas. No acto analizarase as características técnicas do percorrido e a repercusión social e económica que supón este evento para a provincia ourensá, contando ademais coa presenza de destacados ciclistas, como Pedro Delgado, Óscar Pereiro e Fernando Escartín, e persoeiros do mundo do deporte.

Segundo explica o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, “a propia denominación que este ano ten a proba ciclista: “Ourense Termal-Madrid” alude ao noso papel como berce da mesma, tendo como puntos de saída ou chegada os concellos de Cenlle, Arnoia, Nogueira de Ramuín, Castrelo de Miño, Maceda e a capital ourensá”. Baltar afirma que logro deportivo e organizativo para a nosa provincia “é o resultado dun traballo intenso dos últimos anos, encaixando na filosofía “Ourense Deporte” do Plan 15-19 de xestión e estratexia operativa da Deputación de Ourense”.

A “Vuelta a España” é un evento que xunto co Tour de Francia e o Giro de Italia configuran as carreiras ciclistas máis importantes do mundo, “sendo seguida por máis de 150 países e do que a organización estima que terá un retorno económico mínimo de 1,7 millóns de euros para a provincia de Ourense”, destaca Manuel Baltar.