Lugo postula o Camiño Primitivo como revulsivo económico e turístico da cidadade

O Concello de Lugo acaba de dar a coñecer tres novas iniciativas c para poñer en valor o Camiño Primitivo como Patrimonio da Humanidade e convertelo en “revulsivo económico e turístico” da cidade, subliñou a Alcaldesa, Lara Méndez. 

A Alcaldesa Lara Méndez participou a primeira hora da mañá, xunto con outros membros da Corporación e representantes de distintas administracións, como Deputación, Xunta e Subdelegación do Goberno, no arranque da primeira peregrinación a Santiago coa credencial de Lugo, impulsada pola asociación Lugo Monumental, cubrindo o percorrido dende a Porta de San Pedro á ponte romana.

Esta iniciativa ten como obxectivo promocionar Lugo como principio dun Camiño, co traxecto de 100 quilómetros preciso para obter a Compostela; reivindicar a credencial de Lugo; e chequear o estado da ruta, os indicadores, o trazado orixinal e os pirateados, os albergues e demais instalacións para que a Xunta e os concellos coñezan de primeira man as posibles melloras a realizar.

A rexedora avanzou neste senso que na primavera o Concello organizará un percorrido guiado polos 30 quilómetros de Camiño Primitivo que atravesan o municipio, dende as proximidades de Soutomerille ata Crecente, a realizar en dúas etapas na fin de semana, con explicacións do patrimonio histórico, cultural e paisaxístico polo que discorre.

Por último, a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou un novo programa de visitas guiadas gratuítas para a Semana Santa, tanto polo Camiño Primitivo como pola Ponte Vella: Encontros Artísticos co Camiño, que terán lugar os días 22 e 23 de marzo, a partir das 17:00 horas. As visitas discorrerán pola Praza de Santa María, a Catedral, a Porta de Santiago, a Muralla, San Pedro, Praza Maior, rúa da Raíña, Santo Domingo, A Tinería, Porta Miñá, Calzada da Ponte e Ponte Vella. 

Por outra banda, o Concello tamén ofrece visitas guiadas pola cidade de Lugo, un total de 12, entre os días 19 e 27 de marzo, en quenda de mañá, ás 12:30 horas, os días 19, 22, 23, 24, 25 e 26, e en quenda de tarde os días 19, 20, 21, 24, 25 e 26 de marzo. Os lugares que se visitarán son a Muralla, a Catedral, o recinto histórico, a Praza da Soidade, a Praza de Santo Domingo, a rúa da Raíña, a Praza Maior, o Museo Provincial, a Casa dos Mosacios, o Centro de Interpretación da Muralla e a Domus do Mitreo.