Horta e agricultura ecolóxica, aposta do PDR

O Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 fai unha clara aposta polos sectores da horta e da agricultura ecolóxica. Inclúe medidas para fomentar a transformación e comercialización destes produtos en canles curtas, a formación e o fomento das producións de calidade, segundo indicou a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo.

Neste contexto, salientou que para fomentar a transformación e comercialización o PDR incorpora un orzamento de preto de 95 millóns de euros e que existen tamén partidas importantes para impulsar o consumo deste tipo de produtos (máis de 11 millóns de euros), para fomentar os produtos amparados por un indicativo de calidade (1 millón de euros) ou para a mellora das explotacións (que no seu conxunto prevé un investimento de máis de 166 millóns de euros, que van servir para investimentos nas explotacións que teñan este tipo de orientación, entre outras).