Fomento e Xunta invisten 4 millóns de euros no mosteiro de Melón

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a ministra de Fomento en funcións, Ana Pastor, visitaron o Mosteiro de Melón, monumento no que o investimento de ambas as administracións ascende a máis de 4 millóns de euros.

En concreto o Ministerio investirá 1,8 millóns de euros no desenvolvemento da primeira fase das obras de recuperación e rehabilitación do Claustro da Hospedaría do mosteiro; un investimento que se suma ao realizado polo departamento de Cultura da Xunta de Galicia nos últimos anos, que supera os 2,1 millóns de euros.

O proxecto é froito da política de colaboración entre administracións en prol da conservación dos bens sobranceiros do noso patrimonio. De feito, a Consellería asumiu a contratación e pagamento tanto do estudo arqueolóxico de depósitos como do proxecto da obra.

Esta nova intervención enmárcase no Plan Director do Mosteiro. Nesta primeira fase o proxecto consiste fundamentalmente na rehabilitación das alas norte e oeste do claustro da hospedaría nas súas plantas baixa, alta e cuberta. Ademais, executarase a rehabilitación da porta exterior de acceso ao adro do mosteiro (torre leste) debido ao seu mal estado de conservación.