"Ferrol ao Natural" con roteiros e obradoiros coa SGHN durante a Semana Santa

O concelleiro de Turismo, Bruno Díaz, acompañado de Paulino Gasalla e Paula Gasalla, membros da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) anunciaron en rolda de prensa os roteiros “Ferrol ao Natural”, que se desenvolverán o luns 21, o mércores 23 e o sábado 26.

Forman parte da programación da Semana Santa, como unha oportunidade de luxo para coñecer o espazo natural privilexiado co que conta Ferrol, dende a Malata ata as praias, pasando pola Fraga de Menáncaro, xunto con visitas guiadas e obradoiros no Museo o martes 22, o xoves 24 e o venres 25.

Durane a Rolda de prensa avanzaron que con “Ferrol ao Natural” poderase amosar a natureza e o patrimonio natural da Ferrol aos turistas e aos propios ferroláns para que coñezan o entorno no que viven e que "noutros lugares envexarían".

O Roteiro Enseada da Malata-A Cabana, o Roteiro Chamorro-Carballeira de Menáncaro, e o Roteiro Praias de San Xurxo-Esmelle-Santa Comba-Ponzos serán, como o resto de actividades que está a organizar a Concellería de Turismo, completamente gratuítos. As inscricións pódense realizar no teléfono 604 00 86 70, correspondente á Oficina de Turismo.

O programa “Ferrol ao Natural” tamén inclúe visitas guiadas e obradoiros  o martes 22, o xoves 24 e o venres 25 no propio Museo, situado no barrio de Canido, e que permitirán que durante a Semana Santa as instalacións tamén permanezan abertas.

Os monitores realizarán unha visita guiada interactiva ao museo na que os participantes coñecerán en profundidade as pezas do museo, a biblioteca e a sa de lectura. Rematada a visita comezará o obradoiro na aula do museo, onde os asistentes aprenderan a facer moldes de escaiola das pegadas dos animais atopadas na lama, levándose cada persoa unha pegada en escaiola, realizada por ela mesma.

Tamén se empregará a lupa e material óptico para explorar o universo microscópico que nos rodea e que, polo xeral, sempre pasa desapercibido.