"Facer da ría do Burgo o gran espazo natural da comarca”

www.coruna.es
Na última reunión da ‘Mesa da Ría do Burgo’, que contou coa presenza da concelleira de Medio Ambiente, María García, quedou presentado e validado o documento de alegacións conxuntas desta entidade –que conforman os concellos da Coruña, Cambre, Culleredo e Oleiros, así como a Confraría de pescadores da Coruña, a Plataforma en Defensa da Ría do Burgo e a Universidade coruñesa– ao proxecto de dragado do Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente, e que foron elaboradas desde A Coruña. 

Con estas cinco alegacións, as institucións e entidades integrantes pretenden salvagardar o que é “un dos principais espazos naturais das Mariñas” e que, como lembran, cumpre “importantes funcións, para a veciñanza, para a economía da comarca e para o ecosistema”, ao conxugar diferentes usos relacionados, que van desde a explotación marisqueira á practica de deportes acuático, o recreo e esparexemento da poboación da contorna e a conservación e divulgación do patrimonio natural. 

“Esta liña de consenso é na que nos gustaría seguir traballando para facer da ría do Burgo o gran espazo natural da comarca, nexo entre os concellos ribeiráns e corredor ecolóxico entre o mar e o encordo de Cecebre”, valorou ao remate da xuntanza a responsable municipal de Medio Ambiente, quen lembra que o documento ten un carácter eminentemente simbólico, que completa as alegacións formuladas dentro dos prazos legais polos distintos membros da Mesa.

No documento inclúese tamén a necesidade de establecer medidas dirixidas a asegurar a rexeneración ecolóxica da ría e a protección do ecosistema, tanto durante o proceso de dragaxe como con posterioridade. Neste sentido, o texto fai notar que unha verdadeira rexeneración ambiental “debería desembocar na creación dun corredor ecolóxico entre o encoro de Cecebre e o mar, afondando nas medidas de conservación que establece a Reserva da Biosfera” onxectivo no que, a ollos da concelleira María García , debeian traballar de forma conxunta os membros da ‘Mesa da Ría’.

Por último, o listado de alegacións recolle a necesidade de crear unha comisión de seguimento na que estean representadas todas as entidades implicadas no proxecto, como son o Ministerio de Medio Ambiente, a Xunta de Galicia e as entidades e administracións integradas na ‘Mesa da Ría’, así como os axentes sociais que poidan verse afectados polo proxecto.