Deporte e termalismo nun congreso organizado pola Deputación de Ourense

O “VI Congreso Galego de Xestión Deportiva” 2016, organizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Galega de Xestores Deportivos (Agaxede), tratará un tema innovador e actual como é poñer en relación e valor “Deporte e Termalismo”. O acto de presentación do evento tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial onde estivo presente o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o presidente de Agaxede, Eduardo Blanco; o concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, Mario Guede; o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; e o representante de Caldaria, Alberto Canal.

Rosendo Fernández destacou durante a presentación que referirse a “deporte e termalismo” “é falar dun binomio fulcral para a provincia de Ourense”, e engadiu: “Colaboramos con Agaxede na organización deste congreso con tres obxectivos básicos: consolidar o termalismo deportivo como un foco de creación de emprego en Ourense e en Galicia; debater sobre as novas expectativas e ámbitos de actuación do termalismo implicado no sistema deportivo, e para dar a coñecer a importancia social, económica e a implicación do termalismo no deporte, facendo un especial fincapé no espectacular abano de posibilidades que ofrece esta interesante simbiose”.

O congreso desenvolverase o día 11 de marzo en xornada de tarde no balneario de Laias, e o día 12 de marzo en xornada de mañá no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, convertendo a Ourense na capital do “termalismo deportivo”.