Crecen as consultas na Oficina de Información Turística de Santiago un 17% durante a Semana Santa

O persoal da Oficina de Información Turística de Santiago atendeu nesta Semana Santa 5.428 consultas presenciais, un 17% máis que as 4.644 que se atenderon no ano 2014. É a cifra máis alta de consultas atendidas na oficina de Turismo de Santa durante as datas de Semana Santa dos últimos anos. Trátase dun dato positivo, especialmente tendo en conta que nesta ocasión a Semana Santa caeu moi cedo, na segunda quincena de marzo.

O crecemento das consultas neste período apoiouse nun aumento moi importante do turismo doméstico. Entre o 19 e o 27 de marzo atendéronse 4.068 consultas de persoas procedentes de toda España, un 35% máis que na Semana Santa de 2014, cando houbo 3.005 consultas. As comunidades autónomas con máis consultas foron: Madrid, con 698 consultas; Cataluña, con 398; País Vasco, con 315; e Comunidade Valenciana, 254.

O turismo internacional sumou 1.360 consultas, cun descenso de 279 consultas respecto ao ano pasado. A data adiantada da Semana Santa si afectou negativamente aos mercados foráneos. En calquera caso, en a penas dez días atendéronse consultas de practicamente 60 países de todo o mundo. Os países con maior número de consultas foron: Alemaña, con 269; Portugal, 140; Francia, 125; e Arxentina, con 86.

O día con maior número de consultas foi o xoves 24 de marzo, no que se superaron as 1.000 consultas: houbo 829 de turistas domésticos e 173 de turistas internacionais. O día con menos consultas foi o domingo 27, con 410 consultas.