Acceso limitado á praia das Catedrais en Semana Santa

A Xunta de Galicia limitará durante a Semana Santa –en concreto, do sábado 19 ao luns 28 de marzo, ambos incluídos- o acceso ao monumento natural da praia das Catedrais (Ribadeo). Esta acción dá continuidade ao Plan de conservación deste espazo que se aprobou en xuño do ano pasado, e que establece unha afluencia máxima de 4.812 persoas diarias en tempada alta, isto é, en Semana Santa, xullo, agosto e setembro.

O Plan de Conservación fixa unha cota máxima de 4.812 persoas diarias. Para facilitar a obtención da autorización, púxose en marcha unha páxina web (https://ascatedrais.xunta.es/), que permite facer a reserva de forma sinxela e gratuíta. O sistema xa funcionou o verán pasado, no que se recibiron preto de 240.000 visitantes.

Dentro dos tres meses (xullo, agosto, e setembro) no que estivo vixente, a cota de 4.812 visitantes só se completou en 14 días, todos eles en agosto. Actualmente, as persoas interesadas xa poden realizar as reservas para os días de Semana Santa.