A LIII Feira do Viño do Ribeiro xa ten cartel anunciador

O xurado do Concurso de Carteis da 53ª Feira do Viño do Ribeiro reuniuse hoxe, 7 de marzo, na sede do Consello Regulador do Ribeiro, en Ribadavia, para elixir o cartel que representará a Feira do Viño do Ribeiro 2016, que terá lugar na vila ribadaviense do 29 de abril ao 1 de maio. 

O cartel gañador está deseñado polo profesional das artes, deseño gráfico e web Alfredo León Mañú, de Aoiz (Navarra), e foi elixido entre 253 propostas presentadas nesta edición do concurso, cifra que marca o maior índice de participación dende que se realiza o sistema do concurso.

Para a elección do seu cartel anunciador, o Concurso de Carteis da 53ª Feira do Viño do Ribeiro contou cun xurado multidisciplinar integrado por profesionais no ámbito das artes, comunicación e deseño gráfico. Ao longo da xornada de deliberación das máis de 250 obras participantes foron sometidas ao xuízo destes profesionais, resultando a obra gañadora premiada con 1.500€.