A hostalería luguesa celebrou a súa festa anual

A comarca da Ulloa foi o escenario elixido este ano para o encontro dos profesionais da hostalería da provincia de Lugo. Durante a xuntanza, que se desenvolveu no Restaurante Val, en Antas de Ulla, procedeuse á habitual entrega de galardóns que a Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo (Apehl) lles outorga a hostaleiros cunha longa traxectoria no sector e a persoas ou a colectivos que colaboran na difusión dos atractivos turísticos da provincia desde os seus respectivos ámbitos laborais. 

Por reivindicar a súa orixe lucense, por poñer en valor a provincia aló por onde vai e polo seu apoio incondicional á marca gastroturística … E para comer, Lugo, José Ramón Ónega López recibiu a Medalla de Ouro da Apehl de mans do seu presidente, Cheché Real, quen, posteriormente, destacou no seu discurso o seu labor á fronte da Casa de Galicia en Madrid.

Así mesmo, a asociación de hostaleiros lucenses tamén quixo poñer de relevo o mérito do compromiso coa marca … E para comer, Lugo de tres organizacións que levan tempo colaborando en diversas iniciativas da Apehl, como a participación cun posto promocional na Vuelta Ciclista a España. Son a Asociación de Avicultores da Raza Galiña de Mos (Avimós), Armadores de Burela e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, que foron nomeados Embaixadores Hostaleiros da Provincia de Lugo. 

Por último, o Premio a toda unha vida nos fogóns recaeu no hostaleiro José Antonio Pardo Portomeñe, propietario do restaurante Pacior de Monterroso, que el mesmo fundou, xunto á súa muller, no ano 1981.

A gala, conducida un ano máis polo xornalista Antón Grande, reuniu no Restaurante Val máis dun cento de hostaleiros chegados desde diversos puntos da provincia e contou coa presenza de representantes da sociedade e da política lucense e galega.