Turismo de Galicia destina máis dun millón de euros ao Monte do Gozo

A Cidade da Cultura acolleu a presentación do Plan de Actuación do Monte do Gozo de Turismo de Galicia. Un proxecto de recuperación integral, que supón un investimento de máis de 1.207.000 euros, que remodelará o parque adaptándoo ás necesidades actuais e converténdoo nunha referencia nacional e xacobea.

O acto contou coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, do director-xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, do paisaxista, Joao Nues, do arquitecto, Oscar López Alba, e da redactora do proxecto, Cristina García.

O Plan céntrase na relación do Monte do Gozo co Camiño de Santiago co obxectivo de recuperar a súa condición orixinal liberándoo dos elementos que actualmente impiden a súa lectura e compresión. Así, o proxecto incide na rexeneración do lugar emblemático no entorno da Capela de San Marcos, recuperando dende a cima do Monte, revitalizada cunha elevación que lembrará aos milladoiros dos peregrinos, a visión das torres da Catedral de Santiago.

Así mesmo, a actuación inclúe a creación de zonas de encontro e refresco destinadas ao lecer, convertendo este ámbito nun lugar acolledor tanto para os peregrinos e turistas como para os veciños e cidadáns de Santiago. O obxectivo é que a área de chegada fronte á Capela de San Marcos se transforme nun lugar de estancia e referencia que invite a explorar o novo parque.

O proxecto converterá, ademais, a emblemática zona onde actualmente se encontra a escultura de Acuña nun parque de estilo inglés que enriquecerá o Monte do Gozo no seu conxunto. Así mesmo, recuperarase o Auditorio como espazo aberto aos visitantes e o itinerario do Camiño de Santiago, adecuando o seu firme e mellorando de xeito substancial o actual trazado da Ruta Xacobea neste lugar emblemático de entrada á cidade meta da peregrinación.

Co proxecto habilitarase tamén unha área de relax con piscinas na zona da lagoa, inmediata ao auditorio que tamén dará servizo á zona de aloxamento.

Ao tempo que se traballa nestas actuacións, está prevista a concesión da zona de aloxamento, cunha redución do número de prazas e a posta en valor do parque central que contará con cafetería e restauración para peregrinos e visitantes. Tamén se garantirá a continuidade do albergue de peregrinos neste lugar tan intimamente unido ao mundo da peregrinación xacobea e se habilitarán espazos destinados a colectivos sociais que poderán atopar neste lugar un ámbito de actividade.

O Plan contempla, ademais, a mellora dos accesos a estas zonas de acollida aos peregrinos e a propia circulación rodada polo entorno do Monte do Gozo para asegurar unha mobilidade de persoas e vehículos axeitada ás características deste entorno.