Salón das Franquicias en Vigo os días 26 e 27 de febreiro.

www.depo.es
A directora de Franquiatlántico, Raquel Robledo, presentoulle á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, a XVI edición do Salón das Franquicias, que se desenvolverá en Vigo os días 26 e 27 de febreiro.

Durante a xuntanza, a directora de Franquiatlántico informou do despegue deste sistema empresarial na nosa comunidade autónoma, na que temos 48 empresas que estenden a súa actividade por todo o territorio nacional e internacional.

De feito, en 2014 estas empresas galegas tiñan 2.167 establecementos abertos en todo o país, dándolles emprego a máis de sete mil persoas e cunha facturación superior aos 550 millóns de euros.

Galicia é a quinta comunidade por sedes de franquicias en todo o país, o que mostra a importancia deste tipo de novas empresas na nosa provincia. Precisamente, na edición deste ano do salón vaise presentar unha nova franquicia de tinturerías nacida en Vigo e denominada Wash in town.

A presidenta da Deputación, pola súa banda, destacou a importancia deste tipo de eventos, que lles permiten aos emprendedores acadar un tipo de negocio con todo o apoio tecnolóxico, de negocio e de márketing necesarios para impulsar os seus proxectos empresariais. Silva subliñou o traballo que, a través dos distintos centros do CPAE, vén facendo a Deputación na formación e o asesoramento aos emprendedores para montar os seus negocios, ademais da oferta que ofrecen os viveiros das empresas dos polígonos industriais de Barro-Meis e de Lalín para instalar novas empresas. 

Precisamente, ambos viveiros empresariais están a ofrecer tamén espazos decoworking para o impulso dos emprendedores nos primeiros meses, con formación e titorización dos seus proxectos.