Os Muíños de Folón e Picón contarán cunha área de recepción de visitantes

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, e o alcalde do Rosal, Jesús María Fernández Portela, asinaron hoxe un convenio de colaboración para o acondicionamento da área de recepción de visitantes do ben de interese cultural Muíños de Folón e Picón.

Turismo de Galicia realizará unha achega de 250.000 de euros a prol da mellora e do impulso deste recurso. O proxecto inclúe a creación dunha área de chegada, unha zona para aparcamento de turismos e autobuses, así como un punto limpo para que os visitantes deixen recollidos os seus residuos. Tamén se realizará un pequeno volume que acollerá os aseos para uso dos visitantes e acondicionarase unha zona para charlas ao aire libre e descanso.

Este complexo histórico, etnográfico e industrial, que é único en Europa, pódese visitar mediante unha ruta circular converténdose nun dos principais reclamos turísticos da zona do Baixo Miño.

Así mesmo, este recurso turístico conta cunha diversa oferta de actividades complementarias, porén, non dispón dunha área de recepción aos visitantes.