O Museo de Pontevedra roza as 5.000 visitas en xaneiro

Durante o mes de xaneiro, o Museo de Pontevedra contabilizou un total de 4.984 visitas ao longo de todo, incluíndo as visitas ás exposicións e ás salas do Sexto Edificio, as asistencias a actividades e conferencias e as persoas usuarias da Sala de Investigación.

O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, cualificou esta cifra como "froito dun traballo profesional e rigoroso por parte do equipo técnico do Museo, e esperamos que estes bos resultados non só se manteñan senón que se incrementen á vista do ano que temos por diante, con actividades de envergadura como as exposicións relacionas coas efemérides de Castelao".

Concretamente, a primeira actividade relacionada co Ano Castelao, a estrea da obra 'Os vellos non deben de namorarse' adaptada a teatro de marionetas e que foi representada os días 29 e 30 de xaneiro, foi vista por 700 persoas, entre os pases para centros escolares e a estrea para público xeral. 

No ámbito das actividades, tamén destaca a boa acollida da quincuaxésima oitava edición do concerto 'Despedida del Villancico' que contou con 307 persoas asistentes. Esta actividade, que correu a cargo dos excantores do coro dos Institutos de Pontevedra en colaboración co coro de nenos Luis García Limeses, tivera lugar o 9 de xaneiro e fora organizada polo Museo. 

Destacar o éxito da exposición dedicada á obra do fotógrafo de Soutelo de Montes, Virxilio Viéitez, contabilizou un total de 7.161 visitas ao longo dos case dous meses que permaneceu aberta ao público no Sexto Edificio, entre o 10 de decembro e o 7 de febreiro.

Tamén se contabiliza no mes de xaneiro o uso da Sala de Investigación, sita no Edificio Fernández López, e que tras a súa reapertura o pasado 7 de xaneiro contabilizou máis de medio centenar visitas de investigadores e investigadoras.