Nova oficina de turismo para Baiona

A concelleira Beatriz González e Ángel Rodal, a caron de Nava
O alcalde de Baiona, Ángel Manuel Rodal, asinou con Turismo de Galicia un convenio de colaboración para a creación dunha nova oficina de Turismo do concello. Durante o acto de firma pública, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro explicou que esta nova oficina de Turismo, emprazada no parque de Palma e que contará cunha superficie dun total de 101 m2, dará resposta á intensa demanda turística rexistrada nos últimos anos no concello de Baiona.

Nava Castro fixo referencia ás últimas cifras publicadas polo Instituto Nacional de Estatística correspondentes ao pasado ano 2015. Segundo as mesmas, o destino Rías Baixas superou a súa cifra de viaxeiros aloxados nun 8,8%, rexistrando 1,16 millóns de viaxeiros, e nun 9,1% o nivel de pernoitas, con máis de 2,75 millóns de pernoitas neste caso. 

Ademais, a directora de Turismo de Galicia e o alcalde do concello de Baiona visitaron as obras de acondicionamento do Mirador do Cortelliño realizadas no marco da liña de subvencións de Turismo de Galicia para a sinalización e accesibilidade dos recursos turísticos no medio rural.