Medio Rural con el Ouro Doce

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou esta mañá, no marco dunha visita a Pazo de Lusío en Bóveda, o incremento dun 11% que fixo o seu departamento nas axudas para mellorar a produción e comercialización de produtos apícolas en 2016, sendo o orzamento de 445.896 euros. 

Ángeles Vázquez, acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, sinalou que estas achegas permiten subvencionar actuacións como a asistencia técnica aos apicultores, a loita contra a varroase e a vespa velutina ou a racionalización da trashumancia. 

Pazo de Lusío naceu no ano 2005 como parte da expansión da empresa “Meles Anta” (dedicada dende os anos 80 ao sector apícola) coa finalidade de producir produtos da colmea dentro da agricultura ecolóxica, debido á demanda existente no mercado. Actualmente dedícanse ao mel, pole e propoleos, explotando para isto colmeares amparados polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica na IXP de Mel de Galicia. A explotación de colmeas faina sobre todo nos Ancares, O Caurel, Samos e Pobra de Brollón.