Medidas do plan de mellora das rutas fluviais da Ribeira Sacra

Apróbanse as novas medidas do plan de mellora das rutas fluviais que se está a levar dende a Deputación de Lugo. O voceiro provincial socialista, Álvaro Santos Ramos, informou que neste momento se están a executar traballos de mantemento e reparación dos catamaráns (cambios de motor, pintura...) para a súa posta en marcha en Semana Santa. “Será nesta data, cando retomemos as viaxes fluviais coas primeiras melloras e novidades do plan”, avanzou.

Santos Ramos adiantou que para entón estará en marcha unha central de reservas das rutas fluviais, que garantirá a realización de reservas e información turística nun horario amplo: de luns a domingo, de 08:30 horas a 20:30 horas; no teléfono 982-260-196; e no correo catamaranes.turismo@deputacionlugo.org. Igualmente, darase a posibilidade de comprar anticipadamente os billetes on line as 24 horas na web reservas.rutasembalses.es.

Xunto á creación da central de reservas, nas dependencias do Clube Náutico de Doade, a Deputación habilitará unha oficina para a venda de billetes e para información turística de toda a provincia en xeral, e da Ribeira Sacra en particular. Do mesmo xeito, tendo en conta a elevada afluencia de visitantes que acolleron as rutas fluviais no 2015, con preto de 50.000 persoas; o organismo provincial vai a incrementar o número de profesionais de atención turística e de seguridade nos embarcadoiros.

“Estas son as primeiras melloras, que teremos listas na Semana Santa, pero iremos incoporando máis, pois estamos a desenvolver un plan de mellora das rutas fluviais en colaboración con todos os axentes sociais, colectivos, empresarios e Concellos afectados polas mesmas. Todo isto, enmárcase na posta en marcha dun Plan Integral de Turismo, que é unha das grandes apostas persoais do Presidente da Deputación”, subliñou o voceiro provincial socialista.