Defensa en Madrid do proxecto da Vía Verde Santiago-Ordes

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia volveu defender en Madrid o proxecto da Vía Verde Santiago-Ordes, que o Goberno local está intentando recuperar en colaboración cos concellos de Oroso e Ordes. Aproveitando a súa viaxe para recoller un premio no Ministerio de Agricultura, Xan Duro mantivo dúas reunións con ADIF e coa Fundación de los Ferrocarriles Españoles, para lles pedir o seu apoio a unha actuación da que se empezou a falar en 2008.

En primeiro lugar, o concelleiro de Medio Ambiente reuniuse co subdirector de Xestión Patrimonial do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias. Carlos Dufour mostroulle a Xan Duro o seu interese en proxectos que permitan recuperar para o uso da veciñanza antigas vías do ferrocarril en desuso. 

A xerente da área de Vías Verdes e Medio Ambiente da Fundación de los Ferrocarriles Españoles, a entidade que está a xestionar este tipo de tramos. Carmen Aycart explicou que era coñecedora do proxecto da Vía Verde Santiago-Ordes, e sinalou que a Fundación tería interese en colaborar no acondicionamento, sempre e cando o Ministerio de Fomento confirme que os terreos poden ser desafectados. 


Tamén lle deu conta ao concelleiro de Medio Ambiente do éxito que están a ter estas rutas, que reconverteron máis de 2.400 quilómetros de infraestruturas ferroviarias por todo o Estado e que están a supoñer un revulsivo turístico e económico para moitas zonas, sobre todo rurais.