Axudas para actividades culturais enmarcadas dentro do Ano Castelao

O departamento provincial de Cultura e Lingua de Pontevedra, para promover e fomentar actividades culturais enmarcadas dentro do Ano Castelao,  convoca, en réxime de concorrencia competitiva, axudas por un importe total de 275.000 euros. Tamén en réxime de concorrencia competitiva e por importe de 275.000 euros convoca unha liña de dinamización e uso do galego. Ambas as liñas están dirixidas a persoas físicas e xurídicas sen fins de lucro.

Cómpre sinalar que esta liña de dinamización do galego para organizacións sen fins de lucro é unha liña independente das axudas para dinamización lingüística orientadas a concellos e entidades locais. As liñas de axudas para organizacións sen ánimo de lucro poderán solicitarse entre o 24 de febreiro e o 23 de marzo. 

A liña para a realización de actividades culturais do Ano Castelao contempla accións que melloren a calidade de todas as manifestacións culturais e, en especial, das disciplinas que cultivou Alfonso Daniel Rodríguez Castelao ou as que estean relacionadas coa súa figura e que contribúan á modernización e recuperación da cultura galega. Nesta liña de axudas contémplase o financiamento de actividades coma as xornadas e os eventos relacionados coa memoria histórica; as actividades relacionadas co patrimonio histórico-artístico e arqueolóxico; os festivais de corais, de música e de baile tradicional; os intercambios culturais; así como outros eventos nos que se faga referencia á figura de Castelao.

A liña de dinamización do galego busca fomentar actividades encamiñadas á dinamización desta lingua que realicen as entidades sen ánimo de lucro no seu termo municipal, co fin de promover o uso do idioma no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores que teñan repercusión social. Para acadar estes fins contémplase o financiamento de actividades coma certames literarios, xornalísticos e teatrais; festivais de música; accións de fomento do galego na cultura, o comercio e as tecnoloxías da información e da comunicación; e recoñecementos a persoas e colectivos que aposten pola lingua.