As deputacións da Coruña e Pontevedra promocionarán conxuntamente o entroido dos Xenerais da Ulla

O entroido rural dos Xenerais da Ulla, festa cun marcado carácter histórico e tradicional ten as súas orixes no s. XIX , e celébrase nun total de 31 lugares e parroquias de oito concellos da comarca, cinco deles situados na provincia da Coruña (Boqueixón, Santiago de Compostela, Teo, Touro e Vedra) e tres na de Pontevedra (Silleda, Vila de Cruces e A Estrada). O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, subscribiron un protocolo de colaboración entre ambas as institucións para a súa promoción.

O obxectivo deste convenio marco é colaborar economicamente con estes Concellos no ámbito das dúas provincias para o desenvolvemento dun plan de promoción turística conxunto que permita dar a coñecer "unha manifestación única do noso patrimonio etnográfico e cultural, cun grande potencial de atracción turística", afirmou Valentín González Formoso, que destacou ademais a "singularidade" duns festexos que só existen nesta área xeográfica e que "contan cunha importante implicación por parte da veciñanza" dos distintos municipios do val do río Ulla.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, amosou a súa satisfacción por que a sinatura deste protocolo, máis aló de territorios, "é un paso máis na filosofía de colaboración entre institucións que xa funcionaba entre os Concellos que comparten esta tradición común e á que agora se suman as dúas deputacións". Ademais, Silva puxo en valor "a aposta por recuperar e manter as nosas costumes, a nosa cultura e aqueles aspectos sociais que nos identifican e nos unen coa terra".

Ademais de apoiar a consolidación do Entroido da Ulla e dinamizar a afluencia de turismo á zona, o protocolo establece tamén a colaboración de ambas as institucións provinciais e os Concellos da zona na difusión desta festa tradicional mediante exposicións ou accións educativas complementarias.