Buscar/Hemeroteca

lunes, 15 de febrero de 2016

A Ruta da Lamprea, novo produto turístico de Turismo de Galicia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, reuníuse cos alcaldes e responsables municipais dos dezaseis municipios galegos implicados na Ruta da Lamprea, ao obxecto de presentarlles este novo produto turístico que comprende territorios situados nas beiras dos ríos Miño, Ulla e Tambre e que porá en valor turístico os principais recursos naturais, gastronómicos e culturais destes concellos arredor dos labores de pesca e a gastronomía deste singular peixe.

Segundo explicou Nava Castro, con esta ruta darase a coñecer o importante patrimonio que rodea ao ciclóstomo e á súa captura, “desde as artes de pesca como as pesqueiras ou as estacadas, ata os lugares de interese natural e cultural, como miradoiros, paseos, pontes ou capelas”, entre outros elementos que a compoñen.

A directora de Turismo de Galicia considerou que, no seu conxunto, a Ruta da Lamprea constitúe un importante produto turístico que virá a ampliar, non só a oferta turística destes concellos, senón tamén da Comunidade galega en xeral, a partir dun recurso endóxeno como é este peixe tan característico do curso baixo destes ríos.

Nava Castro explicou que esta nova ruta conta cun gran potencial turístico, xa que como produto turístico xira arredor dos recursos naturais e gastronómicos do territorio, “precisamente as dúas principais motivacións que ten o viaxeiro para visitar Galicia”.

No hay comentarios: