A Consellería do Mar destina máis de 48 millóns de euros aos GALP

A Consellería do Mar destina máis de 48 millóns de euros para o desenvolvemento das estratexias de desenvolvemento local participativo dos grupos de acción local do sector pesqueiro GALP (coñecidos no período 2007-2013 como grupos de acción costeira ou GAC) no período de programación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020. 

Así o reflicte o informe presentado no último Consello da Xunta, no que se dá conta do proceso de implantación en Galicia destes grupos.

Deste xeito, ao GALP da zona da Mariña Ortegal correspóndenlle máis de 7,6 millóns de euros para a execución de proxectos; ao do Golfo Ártabro Norte, máis de 6,1, e ao da Costa da Morte, máis de 7,3 millóns de euros. No caso do grupo da Ría de Muros- Noia, disporá dun importe superior aos 9,4 millóns; o da Ría de Arousa, de máis de 7,4 millóns; o da Ría de Pontevedra, de preto de 5,8 e o da Ría de Vigo-A Guarda contará con 5 millóns para a posta en marcha das súas iniciativas.